María Rivas destaca a aposta do Goberno polas empresas galegas para a modernización e mellora dos seus aeroportos

María Rivas destaca a aposta do Goberno polas empresas galegas para a modernización e mellora dos seus aeroportos

11/04/2024

A compañía é unha das adxudicatarias, xunto coa tamén coruñesa Aluman, dun contrato de 18,4 *M€ co xestor aeroportuario AENA para modernizar o equipamento dos controis de seguridade

“Cada vez que pasemos por un control nun aeroporto o bo facer do sector galego do moble estará moi presente”, destacou Rivas


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, destacou a aposta do Goberno polas empresas galegas para a modernización e mellora dos seus aeroportos. Fíxoo durante a visita ás instalacións de Cándido Hermida en Narón, unha das firmas incluídas polo xestor aeroportuario AENA no segundo acordo marco para a actualización de mobiliario dos filtros de seguridade por valor de 18,4 millóns de euros e cunha duración de cinco anos.

Como explicou a subdelegada do Goberno, a participación das empresas coruñesas -Cándido Hermida e Aluman- dependerá das demandas de cada aeroporto. Os pedidos saen a licitación durante o período de vixencia do acordo, participando o tres empresas adxudicatarias segundo necesidades de cada terminal. Neste sentido, apuntou que Cándido Hermida xa participara no primeiro acordo marco e que, desde 2018, obtivo contratos por valor 1,85 millóns de euros para renovar o mobiliario dos filtros de seguridade de terminais como as dos aeroportos de Madrid, Alacante, Barcelona ou *Reus.

María Rivas indicou que a selección destas firmas “fala moito e moi ben das nosas empresas”. “É un orgullo que unha empresa de Narón equipe os principais aeroportos do país. Así, cada vez que pasemos por un control, o bo facer do sector galego do moble estará moi presente”, destacou a subdelegada.

Neste sentido, apuntou que este novo contrato, que forma parte dun contrato global de 131 millóns de euros para a modernización dos filtros de seguridade no que se inclúen os equipos de xestión e inspección das equipaxes, permitirá situar aos aeroportos españois “á vangarda tecnolóxica e facer máis áxil e cómodo o paso por estas zonas e, á súa vez, aposta por un mobiliario máis actual e acorde ás necesidades das persoas usuarias, facendo espazos máis amplos e confortables”.

Na visita ás instalacións, a subdelegada foi recibida por Cándido Hermida, presidente e fundador da empresa; Santos Pérez, director xeral; Natalia Hermida, responsable da área de desenvolvemento de negocio, e Juan Carlos Domínguez, director de novos materiais e responsable da conta de AENA, aos cales felicitou pola consecución deste novo contrato.

Cándido Hermida é unha empresa especializada na execución integral de proxectos para sectores como a construción, o naval ou a hostalaría con sedes nos Estados Unidos, Francia e Qatar e forte implantación internacional, con presenza en máis de 70 países. É responsable desde Narón de proxectos para grandes firmas de moda como Mango ou Inditex, pero tamén para hoteis, locais de restauración, iates e cruceiros e dá emprego a máis de 500 persoas.