María Rivas sinala a importancia da participación e da colaboración cidadá en materia de seguridade

María Rivas sinala a importancia da participación e da colaboración cidadá en materia de seguridade

24/01/2024

A subdelegada do goberno mantivo este encontro en Lonzas con máis de 70 representantes das asociacións veciñais, de comerciantes, ANPA´*s, colexios profesionais e entidades representativas doutros colectivos

Destaca que a colaboración e a cooperación son claves para a seguridade cidadá


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, subliñou na reunión que presidiu hoxe nas instalacións da Policía Nacional de Lonzas, o esforzo e brillante traballo desenvolvido pola Policía Nacional na cidade da Coruña. Así o indicou no transcurso da reunión anual mantida polos responsables policiais con representantes do tecido asociativo e empresarial da cidade.

María Rivas, quixo transmitir unha mensaxe de confianza no traballo da Policía Nacional, ante a representación das asociacións veciñais, de comerciantes, de nais e pais, colexios profesionais e entidades representativas doutros colectivos; e transmitirlle que os datos avalan o bo traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e indican que, en canto ao cómputo de infraccións con resultado penal as cifras son mellores que as do ano anterior.

Neste sentido a subdelegada do Goberno, manifestou que a taxa de criminalidade na cidade continúa a ser máis baixa que a media do estado, un 1,3% menos, e que tamén ,mostra unha baixada con respecto ao ano anterior.

Na súa intervención na reunión, María Rivas, apelou a que mantéñase o nivel de colaboración e confianza no bo facer da Policía Nacional e demais axentes de seguridade, porque os bos datos reflicten o seu traballo pero tamén son o resultado da colaboración de todas e todos.

A Comisaría da Coruña da Policía Nacional, conta actualmente cun total de 777 efectivos, o que supuxo un incremento de persoal do 5,14% con respecto ao ano 2018, froito da recuperación de efectivos a través do reforzo orzamentario e da convocatoria de emprego público.

Na reunión tamén se fixo mención aos resultados do Plan de Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar nos Centros, resaltando a participación de 3 de cada 4 colexios, nas actividades programadas en materias como a ciberseguridade, o acoso escolar, a violencia contra as mulleres, as adiccións, etc.

Reiterou a necesidade de traballar na prevención e manifestou o firme compromiso do Goberno coas políticas de seguridade, como un dos eixos da súa acción, e púxose a disposición das entidades para establecer espazos de colaboración e diálogo, tal como veu facendo ata o momento.

Mostrou tamén a súa satisfacción coa colaboración e coordinación da Policía Nacional coa Policía Local, e agradeceu neste sentido a boa sintonía existente entre a subdelegación e o Concello.