José Miñones reivindica o pulo do Goberno ás industrias culturais de Galicia grazas ao Bono Cultural aprobado para 23.000 mozos e mozas

José Miñones reivindica o pulo do Goberno ás industrias culturais de Galicia grazas ao Bono Cultural aprobado para 23.000 mozos e mozas

17/05/2022

Un total de 9.346 persoas na provincia da Coruña, 8.696 en Pontevedra, 2.341 en Lugo e 2.286 en Ourense teñen dereito a unha tarxeta prepago de 400 euros do Ministerio de Cultura

“Co Bono Cultural dinamizamos o sector en Galicia e, á vez, facemos posible que a xente moza acceda á cultura”, afirma o delegado


O delegado do Goberno, José Miñones, reivindicou hoxe a revitalización que experimentarán as industrias culturais de Galicia grazas ao consumo impulsado polo Bono Cultural que o Ministerio de Cultura e Deporte aprobou en marzo. O delegado concretou que preto de 23.000 mozas e mozos teñen dereito en Galicia a recibiren esta axuda directa de 400 euros para adicar a cultura, polo que a inxección económica que recibirá o sector estímase en máis de 9 millóns de euros. O delegado valorou a utilidade que terá esta medida do Goberno no seu dobre obxectivo: “Co Bono Cultural, este Goberno impulsa a dinamización do sector en Galicia e, á vez, posibilita que a xente moza acceda á cultura de xeito universal, promovendo o hábito de consumo de produtos culturais”.

O Bono Cultural está aprobado para todas as persoas que cumpren 18 anos ao longo de 2022. No caso de Galicia, son 22.669: 11.678 mozos e 10.991 mozas, segundo os datos que manexa o Ministerio. Cada un deles ten dereito unha tarxeta prepago virtual por valor de 400 euros. Deste xeito, o consumo total previsto na comunidade ascende a 9.067.600 euros.

Cada persoa beneficiaria poderá destinar ata 200 euros a asistir a espectáculos de artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais; un máximo de 100 euros a bens culturais en soporte físico, como libros ou discos; e outros 100 euros ao consumo dixital ou en liña.

Os mozos e mozas poderán solicitar o seu Bono Cultural a través dunha web e unha app específicas. Unha vez concedida a axuda, recibirán unha tarxeta prepago virtual nominal, para o seu uso a través do dispositivo móbil. Tamén estará dispoñible en formato físico para quen o requira. Os 400€ poderanse utilizar durante os 12 meses seguintes á súa concesión.

Pola súa banda, as empresas do eido cultural que estean interesadas en vender os seus produtos e servizos aos portadores desta tarxeta poderán tramitar a súa adhesión ao programa a través da páxina web do Bono Cultural, dispoñible proximamente.

O Goberno impulsa este novo programa de axudas coa finalidade de revitalizar e dinamizar o sector cultural en España, garantindo a sustentabilidade das industrias culturais e creativas tras o negativo impacto causado pola pandemia de COVID-19; así como de fomentar a accesibilidade universal e diversificada á cultura, promovendo entre os mozos a fidelización que xere o hábito de consumo de produtos culturais.

 

Beneficiarios por provincias

O Ministerio de Cultura prevé que na provincia da Coruña se beneficien do Bono Cultural 9.346 persoas (4.794 mozos e 4.552 mozas), cunha inxección económica de     3.738.400 euros ao sector.

En Pontevedra, hai 8.696 residentes con dereito a esta axuda (4.521 mozos e 4.175 mozas), o que promoverá un consumo de 3.478.400 euros.

No caso de Lugo son 2.341 beneficiarios (1.161 mozos e 1.180 mozas), cun importe que suma 936.400 euros.

En Ourense poderán solicitar o Bono Cultural 2.286 persoas (1.202 mozos e 1.084 mozas), por un valor de 914.400 euros.

En suma, son 22.669 beneficiarios en Galicia (11.678 mozos e 10.991 mozas), cunha inxección económica de 9.067.600 euros.